A finais dos anos 80, La Rioja Alta S.A. abandona definitivamente a elaboración de viños brancos rioxanos (Viña Arana e Viña Ardanza) e comeza con afán á procura dun gran branco, de gran personalidade e que tivese elementos distintivos con outros viñedos españois.
A Adega Fernández Cervera Hermanos S.L., en Fornelos (O Rosal), pertencía a unha familia relacionada co negocio da construción naval, cuxa propiedade servía máis de afección que de negocio vitivinícola. Foi en 1988 cando La Rioja Alta S.A. decide apostar por este lugar para fincarse en Galicia e probar novos camiños enolóxicos, adquirindo unha parte maioritaria desta adega tradicional e pouco tempo despois, a totalidade, cambiando a antiga razón social pola de Lagar de Fornelos, S.A. Coma homenaxe aos fundadores, sempre se respectou a marca Lagar de Cervera.